Ana Sánchez Garea

«Os meus primeiros recordos da infancia viaxan ata Présaras, unha pequena aldea da Coruña, onde medrei sentíndome parte dunha comunidade na que era habitual saír da casa e deixar a porta aberta todo o día, coa tranquilidade de quen confía nos que o rodean.

 

Unha desas memorias que perduran ata hoxe, e que me motivan para seguir creando, foi o día que coñecín a literatura infantil na marabillosa biblioteca da miña escola primaria.

 

A arte acompañoume de múltiples formas desde que teño uso de razón, o que me levou a anunciar rotundamente aos cinco anos que quería estudar o mesmo ca o presentador de Art Attack.

 

E así foi como no 2013 comecei a miña carreira de Belas Artes en Pontevedra, cidade que me acolleu ata o 2025.

 

Na actualidade, rexento o meu propio estudo artístico no bucólico pobo mariñeiro de Bueu.

 

Pero foi a raíz de estudar un Máster en Educación cando retomei a curiosidade polo álbum ilustrado coa intención de crear algo que falase de min, de conservar os meus recordos de nena e traer ao presente a miña realidade de entón.

 

Así comecei a escribir e ilustrar, poñendo a alma en cada pincelada para compartilo con vós. Conseguir transmitilo é o meu maior desexo.»

Libros no noso catálogo
Quen dixo medo?¿Quién dijo miedo?