José-Luis Pérez Morais
Con multiculturalidade case innata, fillo de emigrantes galegos e nacido en París —coma nos contos infantís de antano—, a súa paixón polos idiomas e a comunicación vénlle de lonxe, así como o seu incansable espírito viaxeiro, que o levou a percorrer ducias de países por catro continentes (si, aínda lle quedan por coñecer as antípodas).
Tradutor e intérprete de francés, inglés e portugués a español ou galego desde hai case dúas décadas, teima e esfórzase por mergullarse nos textos para vivilos de cheo, captar a súa esencia e transmitir fielmente a súa finalidade, o seu sentido e significado con fervor e entusiasmo.
Na súa traxectoria profesional, entre outros menesteres moi dispares polo seu afán de coñecemento e aprendizaxe constante, compaxinou o labor tradutor cos medios de comunicación (redactor, guionista, locutor ou corrector de textos en radio e televisión) e coa docencia, tanto de francés en Galicia como de español a estudantes franceses na remota illa da Reunión.
O neno que leva dentro (ou síndrome de Peter Pan, segundo se mire) ilusiónase e fascínase cos contos máxicos e marabillosos que pasan polas súas mans en Pepa a Loba Editora. A súa misión é poñerse na pel dos «pequelectores» para trasladarlles as mesmas emocións e sensacións das fábulas que autores e ilustradores crean para entreter, ensinar, educar, evadirse ou gozar soñando.





